Thursday 28 de March de 2024

O medio maratón C21 congregou nas rúas da Coruña a case 1.500 corredores


Hicham Sigueni (Marrocos) e Valentin Jebet (Kenia) foron os gañadores desta proba que regresou tras dous anos de ausencia e recuperou o seu formato a unha volta

O medio maratón C21 regresou ás rúas da Coruña dous anos despois da súa anterior edición. A proba congregou a case 1.500 corredores no seu retorno tras a obrigada pausa pola situación sanitaria.

O C21, ademais, recuperou o seu formato a unha única volta co obxectivo de que fose unha carreira rápida e atractiva para corredores e espectadores. O percorrido foi homologado pola Federación Galega de Atletismo. A saída e a meta estiveron situadas no Obelisco e o percorrido atravesou os peiraos do Porto, como xa se fixera na carreira C10. O C21 transcorreu polo Paseo Marítimo, O Parrote e Oza, percorrendo tamén un tramo sobre o antigo leito do río Monelos.

O marroquí Hicham Sigueni, en categoría absoluta masculina, e a keniana Valentin Jebet, en categoría absoluta feminina, foron os gañadores da competición este ano. Sigueni completou o percorrido cun tempo de 1:03:10, e Jebet fixo o propio deixando o reloxo en 1:15:05. O atleta marroquí estivo acompañado no podio de vencedores por Erick Kiptoo (Kenia) e Yago Rojo (España), mentres que Jebet foi seguida por Fátima Ouahaddou (Marrocos) e Valdilene dos Santos (Brasil).

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, foi a encargada de entregar as medallas e os agasallos aos vencedores desta proba. Estivo acompañada da concelleira de Deportes, Mónica Martínez. A rexedora destacou a alta participación na volta desta proba que naceu no ano 2009 e augurou un gran ano para o atletismo coruñés, con moitas carreiras de distintos niveis de esixencia no calendario.

Tras a carreira C21, as seguintes probas de fondo que se celebrarán nas rúas da Coruña serán a C10 do 24 de abril e o Maratón Atlántico e C10 do 2 de outubro.

Coruña Corre
Tras a celebración da carreira C21 este domingo, o circuíto de probas populares continuará percorrendo os diferentes barrios da Coruña. A seguinte proba será a X Carreira Popular Torre de Hércules, o 26 de marzo.

Para facilitar o acceso da cidadanía ao calendario e actualizacións do circuíto Coruña Corre, o Concello da Coruña impulsou a posta en marcha dunha nova aplicación móbil, xa dispoñible para dispositivos Android e iOS na Play Store e a tenda online de Apple, para que as usuarias e os usuarios interesados nas carreiras populares poidan inscribirse, consultar as súas marcas e os percorridos das probas en todo momento.

Este é o calendario previsto para o circuíto Coruña Corre:
• X Carreira Popular Torre de Hércules #Querémonos vivas (26 de marzo).
• XIII Baixada Popular Cross San Pedro de Visma (8 de maio).
• IX Carreira Popular Os Rosales (22 de maio).
• IX Carreira Popular Volta a Oza (11 de setembro).
• VIII Carreira Popular Ventorrillo (23 de outubro).
• X Carreira Popular Novo Mesoiro (27 de novembro).
O circuíto Coruña Corre finalizará coa celebración, o 15 de decembro, da gala anual coa correspondente entrega de premios.